A actual biblioteca municipal creouse a través dunha Orde Ministerial o 24 de abril do 1942. Os seus primeiros fondos foron os que tiña a Biblioteca do Centro Obrero de Cultura, pechado no ano 1936, e aínda se conservan na sección de fondo antigo. Despois de pasar por diversas localizacións, na década dos anos 90 do século pasado, a biblioteca trasládase á súa actual sede, no antiguo Banco de España -un edificio deseñado polo arquitecto José Yamoz Larrosa no 1946- aínda que as obras para adecuar o inmoble á nova finalidade non comezaron ata o 2001.
No ano 1989, a biblioteca dótase dun regulamento interno e pasa a contar coa primeira bibliotecaria profesional. Na actualidade o servizo préstase nunha superficie de 3.000 metros cadrados e os fondos modernos constan de máis de 55.000 títulos e 90.000 exemplares, accesibles en liña nun 90%.
A planta principal dispón dunha área infantil/xuvenil con puntos de acceso a internet; unha sección de música, cine e outros audiovisual, con espazo para a visualización de DVDs e autoescoita de Cds; sección de revistas e xornais e servizo de información e préstamo.
Na primeira planta atópase un fondo documental xeral, centros de interese (cómics de adultos, novela de intriga, muller, autoaxuda, viaxes…), un servizo de información e préstamo e unha sala web.
Na segunda hai outro fondo documental xeral de consulta, unha biblioteca local e un servizo de información e, por último, a terceira conta cunha sala audiovisual, un espazo expositivo e unha aula de informática. O semisoto custodia o fondo antigo, de acceso restrinxido.
A biblioteca dispón de varios servizos en liña a través da súa web.
FICHA TÉCNICA
Dirección: Praza de España, 2. 15403 Ferrol.
Teléfono: 981 944 182
Web: https://www.ferrol.gal/biblioteca
Correo electrónico: biblioteca@ferrol.es
Horario: Luns a venres de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.30